Tes que crear un cartafol na columna da esquerda para as programacións didácticas. Por exemplo, para a materia de Tecnoloxía e Dixitalización, a estrutura pode quedar do seguinte xeito:

- Verás que se crearon tantos subcartafoles como unidades didácticas ten a programación.
- Créase un ficheiro xeral para a materia, onde se inclúen o nome da materia, a introdución, os obxectivos e unha listaxe das unidades didácticas.
Fase 1: Recopilar a información
Para completar a información das notas nos cartafoles, recomendo usar NotebookLM (https://notebooklm.google.com/). Este proceso divídese en dúas fases.
Primeiro, abre NotebookLM e engade o ficheiro PDF da programación ou a URL pública da túa programación. Para obter a URL pública, segue estes pasos:
- Abre a aplicación Proens e diríxete á columna da esquerda, onde atoparás “Acceso público”.
- Introduce o teu centro de ensino, ensinanza, curso e materia.
- Preme no botón “Buscar programacións”.
- Fai clic na lupa para abrir a programación.
- Copia a URL que aparece na parte superior do navegador.

A seguir, crea un caderno en NotebookLM e engade como fontes a URL pública que acabas de obter e/ou o PDF que descargaches de Proens.
Tamén engade a NotebookLM o ficheiro do horario e a URL (ou o PDF) do Diario Oficial de Galicia onde se define o calendario oficial do ensino.
Por exemplo, no prompt podes pegar o seguinte:
### Prompt mellorado
A partir da información proporcionada (horario e calendario oficial):
***
### I. Informe xeral da materia
1. **Introdución**
2. **Obxectivos da materia**
3. **Listado de unidades didácticas**
4. **Número de sesións:** Calcula o número total de sesións para a materia no curso 2024-2025. Para iso, usa o horario (3 sesións semanais) e o calendario oficial do ensino de Galicia para obter os días lectivos.
***
### II. Informe por cada unidade didáctica
Para cada unha das unidades didácticas, xera a seguinte información:
1. **Número de sesións programadas**
2. **Trimestre** no que se vai impartir.
3. **Data de inicio prevista:** Calcula a data de inicio da unidade. Utiliza o horario e o calendario oficial, tendo en conta as sesións programadas de cada unidade e a súa orde de impartición.
4. **Data de finalización prevista:** Calcula a data de finalización sumando as sesións programadas á data de inicio. Usa o horario e o calendario oficial.
5. **Descrición** da unidade didáctica.
6. **Competencias específicas de aprendizaxe (C.A):** Identifica as competencias na táboa 3.2, columna "Criterios de avaliación". Indica tamén os mínimos de consecución para cada criterio, se están definidos.
7. **Contidos**
***
**IMPORTANTE:**
* Xera o informe integramente en galego.
* A materia de tecnoloxía conta con **3 sesións semanais**.
* As sesións programadas son as indicadas, sen aplicar coeficientes de redución ou ampliación.
* Non indiques o número de sesión nin fagas cálculos adicionais para as datas.
Ao finalizar, o NotebookLM darache un informe que poderás gardar como un ficheiro de texto (.txt) no cartafol que escollas.
Para facelo, usa o botón “Copiar” para que o texto non inclúa os números que fan referencia á fonte. Despois, pega a información nun editor de texto plano (como Kate, Gedit ou o Bloc de notas) e garda o ficheiro coa extensión .txt.
A seguir, na columna da dereita da interface de Piztu en Zettlr, atoparás o botón 04_Programación. Unha vez que se abra o script, segue estes pasos:
- Escolle o motor de IA.
- Selecciona o ficheiro .txt que acabas de crear.
- Preme en “Analizar documento”.
- Por último, preme en “Crear estrutura de cartafoles e notas”.

Deste xeito, o script crea automaticamente, dentro do cartafol Programación_didáctica, un subcartafol para a materia e, dentro deste, un cartafol para cada unidade didáctica.
É importante que saibas que os resultados poden variar entre as distintas intelixencias artificiais, polo que terás que valorar cal delas che resulta máis útil, tendo en conta o prezo.
Conclusión
Repite este proceso para as demais materias que impartas. Aínda que o proceso poida ser algo laborioso ao principio, con seguridade sacarás proveito cando teñas que xerar:
- Os informes de seguimento da materia por unidade didáctica.
- O libro de actas do departamento.
- O informe final da programación, no mes de xuño.
